Juanita
Un caderno coas tapas semirrotas, con mil ideas, con mil acordes, con mensaxes indescifrables para o resto dos mortais. Un cinceiro cheo de cabichas, tres chisqueiros nadando no cuarto. Unha botella a medias de Coca-cola. Mil folios polo chan. Toallas, camisetas e calzóns nunha montaña que habita no armario por outro lado case baleiro; xa case non queda roupa limpa, case non queda roupa da que planchou mamá. Un colchón tirado no medio que recorda os suores de sexo de onte.
Juanita e el. Solos, non queren a ninguén máis, non fai falla ninguén máis, a presenza de calquera outro ser só molestaría. Ten unha cita con ela, fórao deixando pasar. Abandonáraa por outras e hoxe non puido resistirse máis. Deséxaa, necesita tocala, ten mono das súas curvas, do seu tacto, do aire correndo entre os seus dentes... Falalle sen palabras para dicirlle cánto a botou de menos. Estremécese cando o seu corpo frío chega ás súas mans. Ela tamén parece dicilo: "boteite de menos". Ela, que parece inerte, un obxecto, cobra vida nas súas mans. Parece triste ao principio , pero sabe que a saberá facer rir, que pode facer aflorar toda a alegría que lle queiran dar as súas mans.
Así é o seu universo. Así nacen as súas cancións. Entre acorde e acorde, nace unha nova idea. Búscaos, acaríciaos, acaricia tamén a Juanita. Juanita espérao paciente, non ten présa, sabe que vai chegar. Non é celosa, non lle reprocha as caricias a outras, é fiel. El cre a miúdo que é a sua mellor amante, prefire as súas cordas a moitos peitos. Prefire o tacto frío da madeira vernizada a moitas mañás acompañado. Porque Juanita lle dá todo sen pedirlle máis que uns cantos axustes para soar ben. Querería atopar unha muller como Juanita, que cun toque acertado de cordas lle provocase tanto pracer como un bo acorde.

0 comentarios:

Blog Archive

Páginas

Páginas vistas en total

Entradas populares

Datos personales

Blogger templates

Buscar